Etapa 1. De Malpica a Niñóns

Esta etapa, de 21,2km de lonxitude a ida, parte de Malpica e remata na praia de Niñóns. Aínda que xa tentara facela enteira unha vez, o vento do nordés non me permitira rematala. Agora xa podo dicir que desfrutei da súa beleza ao completo.
Partindo do porto de Malpica pasaremos pola Praia de Area Maior, a Praia de Seaia, o Cabo de San Adrián, a Praia de Beo, a de Seiruga, a de Barizo, atravesaremos o monte Nariga ata chegar ao Faro de Punta Nariga, a enseada do Lago e, que mellor remate que a Praia de Niñóns, sobre todo se fai calor😅.
As Illas Sisargas serán as protagonistas dunha gran parte do noso percurso, sempre á nosa dereita, o roteiro semella querer achegarnos a elas para deixarnos coa mel nos beizos sen poder degustala.
A destacar direi que á altura da praia de Seiruga, para cruzala é posible ter que mollar os pés e o que non son pés (ou este foi o meu caso). Según a marea e a auga que leve o río que alí desemboca pode ser ata imposible atravesala sobre todo no inverno. Nos meses cálidos coido que non debe haber problema descalzándose e subindo o pantalón 🤣.
A dificultade técnica da primeira parte non é grande pero a partir da Praia de Barizo o roteiro vólvese un pouco máis “rompe pernas” polas subidas e baixadas. Nada imposible de facer eh.
O tempo estimado na páxina oficial do Camiño dos Faros para a súa realización é de 8 horas 15 minutos que, como digo sempre, son meramente orientativos obviamente.
Cada etapa que fago deste camiño déixame con máis ganas de continuar así que non podo facer outra cousa que non sexa recomendárvolo aínda que sempre con moita precaución e tendo en conta as condicións metereolóxicas. Os que me coñecen e me acompañan nas miñas camiñatas, saben que teño unha frase moi miña coa que sempre se ríen e que vén a conta de un par de sustos que teño levado e é “a montaña é moi faaaaaaalsa” 🤣🤣🤣. Pois ben, a costa tamén 🤣🤣🤣. Fai referencia á climatoloxía nos dous casos.
Espero que vos gusten as fotos e que vos animedes a facela! 🤗❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *