Etapa 5. De Arou a Camariñas

Con case 24 kilómetros de lonxitude, esta etapa parte de Arou e pasa pola praia de Lobeiras. Despois unha costa abrupta de gran beleza levaranos aos pés da Duna de Monte Branco, con case 150 metros de altura o que a converte nunha das dunas rampantes máis alta de Europa. O camiño dos faros non sube á mesma co fin de preservala e protexela.
E así chegamos á fermosa Praia do Trece cunha mestura perfecta de area, rocas e calas. Dende a praia xa avistamos o Cemiterio dos Ingleses. Nesta zona tiveron lugar tres naufraxios a finais do século XIX que marcaron para sempre a historia e o nome da Costa da Morte.
Continuamos cara as Praias de Reira e dende ahí ascendemos a Faro Vilán, o primeiro faro eléctrico de España, co impresionante peñasco de Vilán de Fora ao seu frente, pero separado da terra. Un pouco máis adiante o Faro Vello, un faro de vapor que funcionou dende 1854 e do que aínda se poden ver os seus restos.
E tras baixadas e subidas alcanzamos a Ermita da Virxe do Monte, no alto do Monte Farelo e construída no século XVIII. E a nada estamos xa de Camariñas a estas alturas.
Tal como vos dixen en outras etapas, é fundamental consultar a climatoloxía prevista para a súa execución, xa que hai lugares nos que abunda a auga e outros especialmente esvaradíos e o vento pódenos xogar malas pasadas.
Polo resto, dicir que hai un tramo duns kilómetros que decorre por pavimento duro, por se sufrides das articulacións 😜. E tamén que tal como nas outras etapas, pódese chegar aos principais puntos de interese en coche ou polo menos preto deles.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *