Etapa 6: de Camariñas a Muxía.

Fai uns días falábavos da primeira etapa deste roteiro duns 200 km de lonxitude en total e, xa fai uns meses, da derradeira etapa. Hoxe toca a máis longa de todas, aínda que non a máis complexa tecnicamente falando pois non ten practicamente desnivel ningún e os camiños son moi bos.
Cunha lonxitude de algo máis de 32km, ten o seu inicio na vila mariñeira de Camariñas e remata en Muxía. Diferente en paisaxe ás demáis, neste tramo non só apreciaremos a fermosa costa galega senón que descubriremos a ría de Camariñas, fermosas aldeas, o tesouro de Cereixo, os muíños do río Negro, o faro de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca.
Natureza e historia acompañarannos durante todo o percurso. Ademáis da kilometraxe, como dificultade engadida, teño que dicir que hai algunhas zonas nas que considero, dende o meu punto de vista, que sería convinte repasar ou mellorar a sinalización. Toda a ruta está marcada con pintura verde e ao non estar repasada de recén nalgúns tramos é difícil visualizala coa vexetación desta época.
Comparto con vós algúns dos meus lugares favoritos deste tramo. Espero que vos gusten tanto coma a min! ❤️🤗

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *