Etapa 7 – de Mougás á Ramallosa

Como podedes ver os que seguides as miñas publicacións, non son persoa dun único camiño e tampouco de seguir a orde establecida rigurosamente 🤣🤣🤣. Como digo sempre, hai que ir facendo segundo as circunstancias de cada un e de cada momento. Aínda así, prometo deleitarvos con fotografías de todas as etapas.
E voltando ao rego, esta en concreto ten uns 16km aproximadamente, e pasa por Baredo, Baiona, Sabarís e A Ramallosa, lugar onde finaliza. Coas Illas Cíes acompañándonos a nosa esquerda e o Faro Silleiro ao fondo damos comezo á camiñata!
En Baiona é un imprecindible a súa Colexiata que non deixa indiferente a ninguén, nin no seu exterior nin no seu interior. E tamén o seu cruceiro da Santísima Trinidade do século XV con baldaquino, o que fai case único en Galicia. Aínda que o camiño non vos leva á Virxe da Rocha, desprazándovos un quilómetro a ida e outro á volta poderedes visitala e apreciar unha fermosa panorámica da fortaleza e a vila de Baiona. Pagan a pena eses dous quilómetros!
Xa na Ramallosa impresiona a ponte romana do século XIII sobre o río Miñor, con dez ollos e duplo sistema de tallamares para facer fronte á forza do río e ás mareas. E por se a súa beleza non fose suficiente, no medio, un fermoso cruceiro coa imaxe de San Telmo e un retablo con tres ánimas. E para rematar, un pouco máis adiante, o Pazo de Pías ou Casa de Arias, do século XVII e onde viviu e faleceu o dirixente carlista José Arias Teixeiro e Correa. A destacar a súa fachada, a escalinata interior e un enorme hórreo pétreo de dúas prantas 😍.
Aínda que o camiño xa non pasa por ahí, tamén vos recomendo visitar na propia vila a Capela de San Campio e o seu fermoso cruceiro que xa sufriu varios traslados ao longo da súa historia 🫣.
Espero que vos guste!
*por certo, nesta etapa non houbo can guía pero contei con coello guía. Dicídeme se iso non é nivel top xa! 🤣🤣🐇

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *