Sen dúbida algunha, este é un lugar especial para min e razóns non faltan para iso. Alén da beleza que rodea esta fermosa fervenza e as cristalinas pozas que forman as augas durante o seu descenso, é un lugar que ofrece paz e tranquilidade.
O camiño pode facerse dende a estrada M308, á altura do indicador da propia fervenza e onde existe sitio para deixar o coche. A medio quilómetro atoparemos a capela de Santa Luzia e con quilómetro e medio máis chegaremos á propia fervenza. Aínda que o camiño é bo de andar e está limpo, teño que avisar que é todo baixada para chegar e xa imaxinaredes o que vos vai tocar á volta! Iso sí, prometo que as vistas que ofrece o val formado polo río Cávado vos farán moito máis levadeiro o desnivel deste pequeno roteiro de 4 quilómetros en total.
Unha vez alí, se remontades un pouco o río pola marxe dereita atoparedes uns muíños e desfrutaredes dunha magnífica panorámica das múltiples pozas, imposibles de ver dende abaixo. Con moito coidadiño pero moi recomendable! 

