Estas augas termais e mineromedicinais que emerxen no corazón de Ourense, xa
foron usadas polos romanos e deron orixe, xunto coa antiga ponte romana, á propia cidade.
A Burga de Abaixo, situada a carón do xardín da
parte inferior, é unha fonte de estilo neoclásico
tardío realizada polo arquitecto Trillo a mediados
do século XIX. Consta de dous canos laterais e
dunha pía labrada con florón no centro.
Subindo polas escaleiras accédese á Burga do
Medio, unha praza centrada por un
estanque rectangular pegado a un muro no que aparecen dúas esculturas: “A casa da
nube” (Borrajo, 1989) e “Calpurnia Abana”
(Acisclo, 1989). Esta última cunha
representación das ninfas das augas.
A Burga de Arriba, na parte superior, é unha fonte
de estilo popular do século XVII. A dereita
encóntrase a réplica de catro aras encontradas na
cidade, a primeira na honra das ninfas destas
augas.
As súas augas son de mineralización media, hipertermais, alcalinas, litinicas, fluoradas, silicatadas e lixeiramente radioactivas.
Nacen a unha temperatura de 60°C a 67°C e están indicadas para fluidificar as secrecións do
aparato respiratorio, calmar a tose e os espasmos bronquiais. Tamén en afeccións dermatolóxicas coma a dermatite prurixinosa.









