Fortaleza e Ermida da Lanzada. Concello de Sanxenxo

E como o prometido é débeda, fai uns días falábavos da importante función da Torre de San Sadurniño, en Cambados, fronte aos ataques vikingos. E que non era a única, senón que tamén foran de gran importancia as da Lanzada, Vilanova, Catoira e A Rocha.
Así que hoxe toca falar dos restos da fortaleza e a ermida ubicadas no areal da Nosa Señora da Lanzada. A torre ten a súa orixe no século X e foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1985. Ao carón das súas ruínas, unha pequena capela románica do século XII que foi construída sobre os restos doutra xa anterior. Conta cun interesante retablo barroco.
Tamén a uns metros podemos contemplar os restos dunha necrópole romana a unha beira, e o Outeiriño das Lapas, posible asentamento castrexo antigo, a outra beira.
E como curiosidades direivos que na praia veciña se celebra o derradeiro fin de semana de agosto o baño das nove ondas, antigo ritual de fertilidade 🤰. Tamén os homes da mar piden á Virxe que lles permita voltar sans e salvos as súas casas. Que barrendo a ermida dun xeito concreto tres veces seica é posible desfacerse dun mal de ollo 🧹👁. E que o parking da praia da Lanzada estivo a nada de ser unha pista de aterrizaxe 🛬.
Como vedes, aquí non hai lugar para o aburrimento🤣.
Recomendo facer un sendeiro duns 3 kilómetros coñecido como o “Sendeiro Máxico da Lanzada” e tamén pasearse pola infinita e fermosa praia da Lanzada 😍.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *