Situado no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés e pertencente ao concello de Lobios, este foxo do lobo impresiona non só pola súa magnitude senón tamén pola fascinante panorámica que o rodea. A orixe da trampa data da idade media e consiste nunha construcción circular de case tres metros de altura dentro da cal se colocaba un cebo. O lobo ía por unha rampa, saltaba ao interior e dende alí a fuxida éralle imposible.
Levouse a cabo a recuperación do camiño medieval dende a aldea de Guende ata o foxo (pouco máis de 3km a ida e outro tanto de volta) coa sinalización do roteiro con esculturas de lobos do artista Toño Monteiro. Este camiño comunicaba no medievo os mosteiros de Pitoês das Júnias e Santa María de A Cela.
Merece a pena perderse polos arredores e é unha visita obrigada se se está preto. Iso si, ollo en días de calor porque todo o camiño é moi aberto.








