Fuciño do Porco. O Vicedo

Punta Socastro, máis coñecida popularmente como “Fuciño do Porco”, sitúase no concello de O Vicedo e recibe este alcume pola súa forma. O nome orixinal tampouco é unha casualidade xa que, xusto antes de comezar o cabo, no alto, atopábase un castro.
Fuciño do Porco tamén foi útil para Sargadelos, que precisaba ferro e viu aquí o lugar idóneo para extraelo. Creouse así a mina “María Antonia” na que os mineiros que chegaban por mar ían cargando en pequenos botes este mineral.
E non remata ahí a súa utilidade xa que tamén foi empregada a zona con fins pesqueiros, gandeiros e madereiros.
Actualmente conta con estacionamento a pouca distancia deste enclave único, un camiño de terra e unhas pasarelas serpenteantes e escaleiras de madeira que nos levarán ata esta marabilla da natureza. O roteiro ida e volta son menos de 4km e non conta con dificultade algunha máis aló do tramo de escaleiras que pode ser custoso para alguén con determinados problemas de saúde. Está ben sinalizado e limpo.
Aínda que todo o traxecto en si mesmo é fermoso, dende a punta as vistas deixarannos embelesados. Poderemos contemplar as illas Gabeira, a Insua, Coelleira, as puntas do Faro Roncadoiro e Estaca de Bares e divisar ao fondo da ría Covas, Viveiro e o porto de Celeiro.
Eu fun xa fai algún tempo pero penso que agora no verán hai que solicitar un permiso para chegar e en novembro do ano pasado debeu pecharse o acceso por un movemento de terras que non sei se xa se lle deu arranxo. Se algún de vós o sabe, agradeceríamos que o comentara.
Espero que vos guste ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *