GR 50 – Etapa 1. Ameijoeira a Castro Laboreiro

Hoxe por fin, despois dunha longa espera, comecei unha ruta moi importante para min. Importante porque as miñas raíces proveñen da raia. Porque moitas veces, dende ben cativa e ata agora, atravesei esa fronteira cara o outro lado disfrutando das súas tradicións e do seu modo de vida, aprendendo da súa cultura e namorándome da súa grandísima riqueza arquitectónica, paisaxística e histórica. Para min, é sempre un lugar ao que volver ❤️.
E voltando ao rego, este camiño de case 200km dividido en 19 etapas, atravesa os cinco municipios que compoñen o Parque Nacional Peneda-Gerês dende Amoeijoeira ata Tourém. Está perfectamente sinalizada e limpa. Impecable! Os meus parabéns! 🙌
A etapa 1 ten unha lonxitude lineal de 8,3km, a duración estimada para realizala comodamente e parándose a desfrutar e sacar unhas fotiños é dunhas 3 horas. Aínda que conta cunha subidiña, non ten grande dificultade.
Ao saír de Ameijoeira atravesaremos o río Castro Laboreiro para dirixirnos á inverneira de Pontes, o seu cruceiro e antigo acueducto. Continuamos ata a ponte romana da Cava da Velha, logo ás inverneiras de Assureira, Podre, Ponte do Barreiro e Barreiro. Acompañando ao robledal do Barreiro, o roteiro conduciranos ata o pantano de Ramisqueira e dende ahí á vila de Castro Laboreiro a cal recomendo visitar en profundidade e aproveitar para repoñer forzas na mesma.
As vistas son impresionantes durante todo o percurso 😍.
Hai servizo de taxi dispoñible para a volta en caso de non querer ou poder dispoñer de dous vehículos ou evitar desandar o roteiro.
Espero que vos guste tanto coma a min!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *