Esta etapa, situada en plena Serra Amarela, é a de menor lonxitude da GR 50 con tan só 4,4km e un tempo de execución estimado de dúas horas. Pese a súa curta lonxitude, teño que dicirvos que é realmente fermosa e non ten menos que ofrecer do que as súas irmáns. Paisaxe, natureza, patrimonio cultural e etnográfico van da man neste percurso.
Sairemos dende a propia aldea de Germil, que atravesaremos deleitándonos coas súas casas antigas, parte delas arranxadas conservando o seu encanto. Comezamos así unha abrupta subida rodeados por enormes penedos, carballos e fentos chegando a Portela, cunha altitude de 850 metros.
Por uns pintorescos sendeiros con fermosas vistas ao mosaico agrícola de Cutelo alcanzamos a vila co mesmo nome, onde as súas casas tradicionais, os seus espigueiros e a súa capela nos acompañaran ata a saída. E de mosaico agrícola en mosaico agrícola chegamos ao de Cortinhas e de ahí á propia aldea, que non ten nada que envexar á anterior.
Pouco máis adiante rematamos esta etapa na aldea de Brufe, a cal recomendo visitar pormenorizadamente. Podo dicir que en todos os seus recunchiños ten algo que ofrecer e que é fermosa de principio a fin.
Hai un servizo de taxi próximo, en Covide. Toda a ruta está perfectamente sinalizada e limpa, coma sempre.























