GR 50 – Etapa 11. De Brufe a Campo do Gerês

Este percurso de pouco máis de 11km e un tempo de execución estimado de catro horas e media, parte da fermosa aldea de Brufe que, como vos dicía cando vos presentei a etapa anterior, é de obrigatoria visita pormenorizada 😍.
Sairemos de Brufe pola estrada por onde percorreremos aínda un tramiño xeitoso e non será este o único, avisados quedades! Iso si, aínda que o pavimento non é o máis fermoso, as vistas compensan todo coa panorámica do mosaico agrícola de Brufe e o val do río Home a nosa dereita 🧐.
Deixamos a estrada para comezar o descenso, máis ben pronunciado 😅, por camiño de pista ata a Ponte Medieval de Quintão que atravesaremos para iniciar a subida. Aínda que tamén é pronunciada, o camiño é bo e lévase mellor do que a baixada anterior. Disfrutaremos mentras ascendemos das vistas cara outro fermoso mosaico agroforestal chegando así a Carvalheira.
Paga a pena adentrarse polas rúas desta aldea na que a arquitectura tradicional está presente en cada recuncho. E cun pouquiño máis de esforzo alcanzamos o miradoiro do Senhor do Bom Jesus das Mós onde poderemos repoñer forzas nun parque de merendas a poucos metros 🍎.
Dende aquí dirixímonos por un camiño ben pintoresco cara a presa de Vilarinho da Furna, integrada nunha paisaxe realmente espectacular. Unha vez na presa collemos outro tramo de asfalto ata a entrada cara un monte que nos deixará en Campo do Gerês, que non ten nada que envexar ás poboacións anteriores, e un pouco máis adiante á Porta do PNPG onde remata esta etapa.
Aquí poderemos mercar comida e bebida e tamén hai un servizo de taxi próximo, na aldea de Covide.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *