GR 50 – Etapa 12. De Campo do Gerês a Gerês

Este tramo de pouco máis de 10km lineais e dunhas 4 horas estimadas para a súa execución, parte da porta do PNPG de Campo do Gerês e finaliza na vila de Gerês.
Aínda que o comezo é relaxado, non tardará en presentarse unha subidiña considerable que nos acompañará durante case tres quilómetros 😅. A partir de aquí a cousa suavízase un pouco ata os tres derradeiros quilómetros que son dunha baixada importante aínda que non especialmente difíciles a nivel técnico.
Pintorescos sendeiros levarannos ata a casa forestal de Junceda, onde podemos respirar aliviados ao atoparnos no alto. Dende alí, e por unha pista de terra, iremos dar ao miradoiro de Junceda, a 920 metros de altitude, e que nos ofrece unhas fermosas vistas do val e a serra de Gerês así coma da propia vila de Gerês 🧐.
E proseguindo o noso camiño veremos que se nos ofrece a opción de achegarnos ata o miradoiro da Boneca, a 700 metros de distancia e que teremos que desandar novamente. Debo dicir que as vistas fan que mereza a pena o case quilómetro e medio a maiores. Iso si, non vos vou mentir; é todo baixada para ir e subida para voltar. Hai unha fonte neste tramo na que hidratarse e refrescarse.
E a seguinte panorámica viranos da man do miradoiro da Fraga Negra, a 560 metros de altitude, e que nos permite unha visión máis próxima do que é a vila de Gerês 😍.
Unha parte importante da baixada é a través dun denso bosque de acacias. O resto é moi levadeiro chegando así ata a vila, que coma xa vos dixen nunha ocasión anterior, é de obrigada visita. Pero por se non confiades en min, as fermosas vistas dende o penedo da Freira daranme a razón. Abundan nela os lugares onde repoñer forzas 🤤 e conta con servizo de taxi para a volta.
Espero que o disfrutedes! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *