GR 50 – Etapa 13. De Gerês a Ermida.

Este percurso dun 9,4km lineais, conecta Caldas do Gerês coa aldea da Ermida a través do interior da serra do Gerês. É así que comezaremos cunha subida que nos deixará sen alento e que durará os tres primeiros quilómetros. Ide ben almorzados eh 🤣!
Chegamos así ao Curral e abrigos da Lomba do Vidoal, a 928 metros de altitude, onde sabemos que o peor, a nivel de esixencia física do roteiro, está feito. A uns 700 metros de aquí acadamos o Curral da Carvalha das Éguas, de maior dimensión ca o anterior e espectacular! 🥰 Nestes currais era onde o gando e os seus propietarios pasaban días e mesmo semanas pernoctando de maio a setembro.
E chegando ao cruce coa fervenza do Arado atopámonos de fronte co miradoiro das Rocas, enclavado no alto dun penedo e cunha panorámica da zona impresionante.
Un pouco máis adiante colleremos unha pista forestal que, a través dunha baixada tamén potente, nos levará a Ermida onde poderemos repoñer forzas e hidratarnos.
Unha vez de volta en Gerês, recomendo encarecidamente unha visitiña completa a esta vila termal 🚶‍♀️🚶‍♂️‍➡️.
Nesta etapa contamos con servizo de taxi se o precisamos. Aínda que a etapa é esixente a paisaxe fai que sexa máis que xustificada a súa execución. Coma o resto da GR50, está perfectamente limpa e sinalizada.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *