Contemplando a fermosa panorámica que nos ofrece o miradoiro da Ermida, damos comezo a esta etapa de 9,4 km e unha duración estimada de execución dunhas 4 horas.
O percurso comeza sen dificultade algunha por un sendeiro entre unha basta arboleda no que se nos dá acceso ao miradoiro de vela, seguindo un desvío e prolongando o roteiro un quilómetro máis entre a ida e a volta. Pasaremos, este si xa dentro da ruta, polo miradoiro de Silhas, con vistas ao río Arado e a fervenza do Rajado
.
E un pouco máis adiante, chegamos ás pozas e a caída de auga do Rajado, realmente fermosa. Disfrutádea porque aquí remata a boa vida
.
Sempre vos aviso das subidas importantes pese a que o meu lema é “vale máis unha boa subida ca unha mala baixada”. Pois ben, aquí bo non hai nada 
.
A subida é esixente aínda que paga a pena. Ascéndese por penedos principalmente polo que non é terreo esvaradío e iremos acompañados continuamente por unhas fermosas vistas. Cruzando o río Conho seguimos o noso ascenso ata o Corral e Abrigo de Pinho. Aquí remata a subida forte e é un lugar idílico para comer con fonte e zona de merendeiro.
E agora toca baixar. O malo da baixada é que é bastante pronunciada e aínda que é por pista resulta moi esvaradía. Con coidadiño!!! Chegamos así ao río Fafião e as súas marabillosas pozas. Custa decidirse por unha! Lugar perfecto para refrescarse e descansar antes da subida final ata o Fafião na que, un tramo é pola estrada e outro por terra, sendo este último de gran pendente e tamén bastante esvaradío.
Xa na cima damos co espectacular foxo do lobo co que conta Fafião e que vimos vendo dende quilómetros atrás. Aquí teredes múltiples opcións para coller forzas e tamén servizo de taxi se precisades.



















