GR 50 – Etapa 16. De Cabril a Sirvozelo

Este tramo é o segundo de maior lonxitude da GR-50 con 16,50 km e un tempo de execución estimado de seis horas e media.
Saíndo de Cabril comezaremos subindo cara São Lourenço, a súa capela e o que resta dun antigo lagar comunitario no que as familias transformaban a aceituna en aceite para empregalo como moeda de cambio por outros productos que non tiñan. Acompañarannos unhas fermosas vistas sobre o río Cávado 😍.
Un pouco máis adiante chegamos á pequena aldea de Chelo e de ahí, subindo un pouco máis, a Xertelo onde o primeiro que nos sorprenderá será o seu ben conservado foxo do lobo (a 730 metros de altitude). Estes foxos eran estructuras permanentes e comunitarias empregadas para capturar e darlles morte aos lobos. O seguinte co que nos atoparemos é o seu cruceiro, representante do espíritu popular da devoción relixiosa, e a propia aldea de Xertelo, fermoso exemplo da arquitectura popular coas súas casas en granito, capela, cruceiro e muíño 🤓.
Continuamos cara a aldea de Azevedo coa súa bonita capela e de ahí cara Lapela, núcleo encadrado nun fermoso mosaico agroforestal cunha capela e un peto de ánimas datado do 1786.
E seguindo por un camiño de terra, o roteiro ofreceranos a ocasión perfecta para refrescarnos nun lugar totalmente idílico, a cascata de Cela Cavalos 🥰. Vaivos encantar, douvos a miña palabra! Continuamos polo mesmo camiño de terra subindo ata a capela de Santa Luzia, a aldea de Cela e de ahí para Sirvozelo onde finaliza esta etapa. Xa vos recomendara cando vos describira a seguinte etapa visitar esta aldea pormenorizadamente, non o esquezades!
Esta é unha etapa longa, cunha subida predominante aínda que non constante ata Xertelo e dende ahí con subidas e baixadas alternas. A maioría do camiño é por zonas sen sombra e aínda que sobra onde refrescarse e os numerosos puntos de interese a fan moi amena e entretida, ollo cos días calurosos! 😅
Hai servizo de taxi en Cabril por se o precisades para a volta. Toda a ruta está perfectamente limpa e sinalizada.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *