GR 50 – Etapa 18. De Outeiro a Pitões das Júnias

Hoxe sairemos da aldea de Outeiro cunha paisaxe marcada polo fondo azulado do encoro de Paradela. Tampouco pasa desapercibida a súa igrexa matriz cun interesante campanario construído no atrio, ao frente da fachada da igrexa 🤩. Atravesaremos o pobo apreciando a súa arquitectura tradicional e imaxinándonos o día a día das xentes destas terras.
Durante este percurso duns 9km de lonxitude e duración estimada de tres horas e media, pasaremos polo muíño do Canto e do río Meão, polos bloques de granito apilados denominados Tor, pola silla da Portela da Fairra, o foxo do lobo da Portela da Fairra 🐺, a carballeira do Beredo e Campesinho e finalmente a fervenza de Pitões das Júnias e a aldea en sí mesma onde remata esta etapa.
Tal vez o que máis me impresionou foi a variedade paisaxística que ofrece, as fermosas panorámicas das montañas e as xoias que albergan tanto Outeiro coma Pitões das Júnias. A este último vou con bastante frecuencia e direivos que é obrigatorio pasearse entre as súas casas, visitar o que resta do seu mosteiro e, se ides con moito tempo, subir ata a capela de San João da Fraga (ollo, hai que subir a pé e son uns 10km ida e volta aproximadamente😅).
Esta etapa foi das máis duras de todas as que levo feito da GR50. De sacado o primeiro tramo, é practicamente unha subida continuada bastante pronunciada a medida que imos avanzando. O último tramo é por escaleiras e pasarelas de madeira. Aínda así, toda dureza é máis que recompensada con todo o que ten para ofrecernos a zona.
Por certo, neste tramo tamén hai can guía que non dubidou en acompañarme durante todo o percurso, iso sí, dende a distancia. Vese que non quere crear lazos afectivos cos camiñantes 🤣🐕.
Sei que vos gustará esta etapa! ❤️
* as derradeiras fotos son do mosteiro de Pitões. Aínda que a ruta non pasa por ahí, tan só hai 850 metros a pé dende a subida da fervenza ao mesmo. Tamén se pode chegar en coche tendo que camiñar só 350 metros 🤗.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *