GR 50 – Etapa 5. De Adrão a Mezio.

E retomamos o camiño na capela do Nosso Senhor da Paz para facer desta vez 8,5 km cunha lixeira dificultade pero moito máis levadeiros ca os da etapa anterior.
No noso percorrido de hoxe pasaremos pola branda de Bordença. Sabedes o que é unha branda? As brandas son pequenos núcleos ubicados en zonas altas que contaban con modestas construccións nas que as familias e o gando permanecían durante a época máis calurosa do ano. En contraposición a elas están as inverneiras, situadas xeralmente en vales e zonas abrigadas nas que se habitaba dende decembro ata marzo aproximadamente.
E continuando co camiño, atravesamos a ponte de Branda de Bordença debaixo do cal o río forma unhas fermosas caídas de auga nas que podemos refrescarnos. E agora toca subir pola calzada de Entre Outeiros, moi fermosa e que nos deixará nunha paraxe da que quedaredes namorados, prometido! A casa forestal de Entre Outeiros, en ruínas, pero cun tanque cheo de auga ideal para os días calurosos, escondida nun alto bosque no que todo son é provinte do canto dos paxariños e o caer da auga do tanque 🥰🥰🥰.
E coma quen non quere a cousa, a través da mata do Mezio apareceremos na porta do Mezio. Aínda que esta etapa remata aquí, recomendo encarecidamente visitar os arredores. As lagoas de Travanca, as mámoas, o miradouro da Porta do Sol e o baloiço do Mezio e as súas vistas.
Espero que vos guste! ❤️
Pd. Nesta etapa tamén hai un can que se ofrece a facer a ruta cos camiñantes 🤣🤣🤣

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *