O derradeiro día deixábavos coa recomendación de explorar as zonas máis próximas á porta do Mezio e hoxe partimos de aquí cara a fermosa aldea de Soajo. Aquí entre vós e máis eu, unha das miñas preferidas do Gerês
.
Este percurso de 6,8km é o máis doado dende o meu punto de vista ata agora. Case todo o camiño é baixada e ao igual ca o resto do roteiro está perfectamente sinalizado e limpo. Conta con varios tramos sombríos o que a fai levadeira en días de calor intenso.
Pasaremos pola aldea de Vilar de Suente e pola ribeira da Lapa e a súa fermosa ponte. Neste tramo tamén contamos con guía peludo que se une á aventura. Desta vez trátase dun labrador negro
.
Unha vez chegamos a Soajo, ao igual que vos dixen en outras ocasións, é OBRIGATORIO explorar a aldea e os seus arredores. Soajo ten múltiples encantos que van máis aló da súa gastronomía, da súa arquitectura tradicional e do mimo co que coidan a súa vila. Conta cunhas pozas naturais e caídas de auga realmente espectaculares
. Así que xa sabedes, metede o traxe de baño na mochila
.













