GR 50 – Etapa 7. De Soajo a Lindoso

Esta etapa é a máis longa da GR 50 con 17,5km de lonxitude, e tamén unha das máis difíciles pois a maior parte da mesma é subida se se executa neste sentido.
Ten unha duración estimada de seis horas e non conta con moitas zonas sombrías, así que ollo en días de calor😥. Iso si, hai varios puntos onde refrescarse no camiño e tamén onde mercar algo para beber ou repoñer forzas.
Sairemos nesta ocasión de Soajo, aldea como xa vos dixen con múltiples e variados encantos, e comezamos o descenso. Pasaremos por Vilarinho das Quartas e atravesaremos o río Limia para dar comezo ao calvario da subida 🤣🤣🤣.
Rodeamos Paradamonte e chegamos á capela da Nossa Senhora da Penha, lugar ideal para comer xa que conta cun merendeiro con zona de sol e de sombra, para todos os gustos 🤗😁.
Veremos Cidadelhe dende o alto aínda que se queremos achegarnos só nos levará como un quilómetro baixar ata a aldea e percorrela, e outro tanto para voltar á ruta, claro. Aquí contamos cunha cafetería restaurante.
Seguimos ascendendo cara os muíños de Parada e contemplando o Poço da Gola dende a cima. Veredes un letreiro no que vos indica un acceso ao mesmo a pouco máis dun quilómetro. É unha visita obrigatoria. Lugar de baño idílico cunhas augas verdes espectaculares! 😍
E un pouquiño máis adiante, en Parada de Lindoso, outro dos grandes atractivos da ruta, os espigueiros da Eira do Tapado, os da Eira da Portela da Leija, casas históricas e un peto de ánimas do ano 1866.
E por último, pero non precisamente menos importante, a fabulosa panorámica do castelo e os espigueiros de Lindoso pouco antes de chegar ao pobo. Sen palabras! Todo o sufrimento anterior é esquecido ante esta visión, prometido! ❤️
Se non queredes sufrir tanto, todas as etapas están marcadas nun e noutro sentido, co cal saíndo de Lindoso cara Soajo é moito máis levadeira. Todo o camiño está limpo e ben sinalizado, coma o resto da GR 50, aínda que nesta etapa concreta hai algúns puntos nos que os fentos non deixan ver ben as marcas.
A por ela! 🙌

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *