GR 50 – Etapa 8. De Lindoso a Ermida

Esta etapa, cunha lonxitude de 11,9km e un tempo de execución estimado de catro horas e media, sae de Lindoso, onde unha vez máis recomendo encarecidamente perderse polas súas rúas e como non, visitar ao castelo e contemplar dende alí o impresionante conxunto de espigueiros.
Comezamos cunha subidiña un pouco potente que nos deixará sen alento tan pronto levantemos a cabeza, e non polo esforzo, senón polas vistas do castelo e espigueiros co encoro e as montañas como fondo. Aínda que os cinco primeiros quilómetros son de subida, o máis duro son os dous iniciais. O complexo arqueolóxico de Porto Chão será o seguinte punto a amenizarnos a subida, é impresionante!
Atravesaremos o río de Mulas e os abrigos de Bugalhedo, os abrigos de Escaravelheira e a ponte de Porto da Laje coas súas chamativas lousas de granito de gran tamaño. Ao longo do roteiro hai varios puntos para refrescarse, este é un deles coas súas augas transparentes.
E chegamos así á branda de Bilhares, dun gran tamaño, e que se supón era habitada entre abril e e decembro pola súa altitude e onde a agricultura e gandeiría eran os motores principais.
As fermosas vistas sobre o val do río Froufe serán as nosas compañeiras o que resta de traxecto ata entrar en Ermida, pequena aldea cunha fonte de auga fresquiña onde podemos hidratarnos, e un miradoiro que nos ofrecerá unha panorámica espectacular do lugar, miremos cara onde miremos.
En Lindoso hai servizo de taxi, por se o queredes ter en conta para a volta.
É unha etapa realmente fermosa, case idílica, en todo o seu conxunto, dende o inicio ata o fin 😍. Sei que vos encantará! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *