GR 50 – Etapa 9. De Ermida a Germil

Este tramo, duns 7 km escasos de lonxitude, parte do alto de Ermida, dende onde a panorámica da aldea no val do río Froufe e rodeada de campos de cultivo en bancais, nos deixará tal que así 😍.
Dende aló comezamos unha baixada de case dous quilómetros que é o preámbulo á parte máis difícil da etapa. Pasamos as pozas que deixa ao seu paso o río Cacerelha e comezamos unha subida que se manterá durante uns dous quilómetros e medio. Ollo nos días de calor, como foi o meu caso onte, non hai zonas sombrías nin nada onde refrescarse así que vir xa frescos de abaixo 🤣.
Nesta etapa a vexetación gaña presenza ata chegarmos ao alto do Eido, con 700 metros de altitude, que nos deixa unhas impresionantes vistas das serras de Soajo e da Peneda, a serra Amarela onde nos atopamos, e a serra de Gerês.
Fago unha paréntese aquí para recomendarvos, aproveitando que esta etapa non é longa, que adiquedes un pouco máis do voso tempo á serra amarela. Xa fai unha tempada fixera unha reportaxe sobre esta e é realmente fermosa 🥰.
E voltando á etapa, a través da calzada de Germil e deixando a unha beira a Silha dos Ursos (o equivalente as nosas alvarizas ou muros de pedra con forma xeralmente circular onde se gardaban as colmeas) e o túmulo da Giadela, chegamos ao curso de auga de Chão da Ponte. Cunha fermosa ponte sobre as súas augas transparentes, se colledes a mesma calor que collín eu onte, desexaredes un baño aló máis ca nada no mundo 🤣🤣🤣.
E deste xeito, chegamos a Germil, fermosa aldea que conta con varias das súas casas xa restauradas e un conxunto de hórreos a beira da Igrexa e outro na parte de Fundevila. O roteiro non chega ata aquí pero unha vez na aldea é un imprecindible!
Perfectamente sinalizada e limpa coma o resto de etapas!
Sodes moitos os que me preguntades pola posibilidade de facer varias etapas no mesmo día. Polos quilómetros das etapas, estando acostumado ao monte e en boa forma física, claro que é posible facer moitos máis. Agora, na miña humilde opinión, considero que a ruta está moi ben dividida de xeito que podas compaxinar perfectamente camiñata e disfrute e coñecemento da zona, achegarte a outros puntos de interese próximos ou mesmo facer algún outro roteiro curto que nos permita profundizar nun lugar determinado ou darnos un baño nalgunha das pozas que imos pasar. Así que todo depende dos gustos de cada un!
Espero que a disfrutedes! 😍

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *