Gran Roteiro Gerês – Xurés

Esta semana puxen fin a este percorrido circular duns 300 quilómetros de lonxitude, a través do Parque Nacional Peneda-Gerês (en Portugal) e do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés (en Galicia). Facía moito tempo que desexaba levar a cabo este camiño e podo dicir que foi aínda máis especial para min do que nunca tería tan sequera imaxinado.
Conta con 25 etapas en total, pódese comezar en calquera punto xa que é circular, e tamén se pode facer nun ou noutro sentido xa que está sinalizada en ambos. Todo o roteiro está limpo e ben marcado. Na miña páxina podedes atopar un desglose de cada etapa se queredes máis información.
A parte que transcorre polo Parque Nacional Peneda-Gerês recibe o nome de GR50, consta de 19 etapas e uns case 200 quilómetros de lonxitude. E a parte que vai polo Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés recibe o nome de Gran Ruta Transfronteiriza, consta de 6 etapas e pouco máis de 100 quilómetros de lonxitude.
Hoxe comparto con vós unha foto de cada etapa deste roteiro, fotos que para min son o reflexo da calma, da tranquilidade, da paz que a natureza nos ofrece, de bos momentos que quedarán para sempre na miña memoria, de experiencias únicas e de anécdotas que pasarán a formar parte da miña historia. Non pensedes que foi unha selección doada, para que vos fagades unha idea da beleza de tales terras, direivos que teño unhas 100 fotos de media por etapa, é dicir unhas 25000 fotos desta ruta!
Espero que vos gusten! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *