Etapa 4. De Lobios a Lobeira.
O encoro das Conchas, cunha superficie de 631 hectáreas e con orixe no ano 1949, aséntase sobre un enclave cun denso pasado histórico. Polas terras hoxe cubertas coas súas augas, pasaron boa parte dos trazados das calzadas que os romanos puxeron en marcha nesta zona para unir a cidade portuguesa de Braga coa española de Astorga.
A súa presa conta con 48 metros de altura e case 170 metros de lonxitude, e a súa función é unicamente a producción hidroeléctrica. Tras atravesar a súa presa podemos ver a man dereita un antigo miliario.
Tamén descansan baixo as súas augas algunhas pontes de grande importancia histórica como o viaducto de O Poldrado e a Ponte de Pedriña, situada entre os concellos de Muíños e Lobeira e que daba paso sobre o famoso río Lethes tamén coñecido coma o río do esquecemento (río Limia). Tratábase dunha ponte de dous arcos, un de gran tamaño e un moito máis pequeno que facía a función de aliviadoiro. Pese a ser declarado en 1944 Monumento Histórico Artístico, de pouco lle valeu a Ponte Pedriña xa que non tardou en quedar sumerxida baixo as augas do encoro. Déixovos unha fotografía antiga para que lle “poñades cara”.
Xusto no límite do encoro, localízase outro vestixio do pasado romano; o campamento de Aquis Querquennis, nunha das beiras do pantano e grande merecedor dunha visita, tanto el coma o seu Centro de Interpretación propio. E case ao lado podemos desfrutar, se a auga do encoro nos dá opción de facelo, das fermosas termas romanas de Os Baños, de acceso gratuíto e con zona de aparcamento propia.












