Gran Ruta Transfronteiriza Gerês- Xurés. Ermida do Viso

Etapa 4. De Lobios a Lobeira.
A Ermida do Viso foi construída a principios do século XIV, polo que constitúe un dos poucos exemplos do románico tardío na comarca. Situado nunha pequena meseta ao sur das serras das Motas e O Viso, esta ubicación permítelle unhas magníficas vistas de toda a súa contorna. Conta con dous miradoiros con fermosas vistas a súa dereita e a súa esquerda.
Dende o Miradoiro da Baixa Limia podemos ver de esquerda a dereita Torneiro, Sabariz, Baldemir, A Canle, Rabo da Besta, San Xes de Vilariño, Serra do Leboreiro, Lobeira, Senderiz, A Fraga, Parada do Monte, Taboazas e o Coto de Vilariño entre outros.
E dende o Miradoiro de O Viso podemos contemplar unha panorámica realmente fascinante que inclúe, de esquerda a dereita, poboacións como Gustomeau (Lobios), Santa Cruz (Lobeira), Lobios, Padrendo (Lobios), San Mamede de Grou (Lobios), Torneiro (Lobeira), Sabariz (Lobeira), Baldemir (Lobeira) e A Canle (Lobeira).
E detrás destas poboacións, podemos apreciar de esquerda a dereita tamén o Coto das Gralleiras e o de Fontefría (ambos no concello de Muíños), a Fraga Raxada, a serra Nebosa, a serra das Sombras, a serra de Santa Eufemia e o encoro de Lindoso (do concello de Lobios estes últimos), a serra Amarela (pertencente a Portugal), a serra do Quinxo (do concello de Entrimo), a serra de A Peneda (Portugal), a serra de Queguas (do concello de Entrimo) e a serra do Leboreiro (do concello de Lobeira).
O culto do santuario conmemora o día de Pentecostés, o Viso Grande e o Viso Pequeno, o 8 de setembro, ambas acompañadas dunha gran romaría tradicional na carballeira milenaria que rodea a ermida. Se ben o outeiro no que se atopa está relacionado tamén con cultos galaicos ancestrais.
Veredes que a visita non decepciona! 😍

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *