Antes de comezar coa descripción desta etapa, vouvos refrescar a memoria con algunhas curiosidades. A etapa inicial dos 18,50 quilómetros totais deste percorrido, transcorre polo “Camiño Privilexiado” (uns 7km).
Este é un camiño que une as terras do que era o Couto Mixto (territorio independente dende o século XII ata 1864) coa localidade portuguesa de Tourém, e que estaba exento nesa altura da historia de control policial, militar ou fiscal por parte de España e Portugal. Non se podía apresar a ninguén nesta vía excepto por delito de homicidio, o que a converteu en asilo habitual para o contrabando e os perseguidos pola xustiza. Tecidos, productos de botica, sal mariña ou tabaco foron os artigos de maior tránsito por este singular camiño.
O Couto Mixto foi independente durante 700 anos, dende que a casa de Bragança lle cedeu os seus privilexios no século XII ata 1864 co Tratado de Lisboa, data na que este territorio duns 30km cadrados, formado polas poboacións de Santiago de Rubiás, Rubiás dos Mixtos e Meaus, foi incorporado a España, concretamente aos concellos de Calvos de Randín e Baltar. Ata entón exerceu un autogoberno con máxima autoridade na figura do xuíz, electo cada tres invernos.
Este fermoso camiño lévamos a través de sinuosos sendeiros entre carballeiras, atravesando múltiples regatos e con fitos fronteirizos que nos indican a división territorial. Recoméndovos moi moito que deixedes voar a vosa imaxinación durante a súa execución, pensando no seu antigo tránsito e nas súas xentes.





















