Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés. Etapa 1. Tourém a Maus de Salas.

Esta etapa, dun 18,5 quilómetros lineais e seis horas estimadas de execución, parte da aldea portuguesa de Tourém, do punto no que finaliza a GR 50.
Como vos anticipei onte, os primeiros sete quilómetros aproximadamente, seguen o trazado do “Camiño Privilexiado” que unía o Couto Mixto con esta aldea. Xusto antes da chegada a Santiago de Rubiás, un cambio de rumbo dirixe o noso percorrido cara o pobo de Paradela, mentras desfrutamos durante o noso ascenso dunhas espectaculares vistas cara as aldeas da raia e picos galegos e portugueses.
Atravesando Paradela, unha fermosa carballeira levaranos de novo sobre a liña fronteiriza ata chegar á curiosa Capela de São Lourenço, en territorio portugués. E se o seu exterior xa sorprende, recoméndovos botar un ollo cara o interior.
Acompañados dos fitos fronteirizos, achegarémonos ao encoro de Salas, cos picos de Fontefría e as Gralleiras ao fondo, ofrecéndonos unha panorámica única. Os dous derradeiros quilómetros son pola estrada e deixarannos na aldea de Maus de Salas, que pese á escaseza de veciños permanentes, conta con varias casas restauradas e unha nova vida grazas á iniciativa dun dos seus veciños, Óscar, que sen dúbida algunha, é digno de toda a miña admiración e respeto!
A parte da etapa que transcorre por terras portuguesas está balizada en amarelo e vermello como o Camiño Privilexiado. Xa unha vez en Galicia, a sinalización é a típica da Gran Ruta Transfronteiriza. Os camiños están en perfecto estado e ben marcados. Ollo en épocas de choiva que igual hai tramos con moita auga. Carece de dificultade técnica e apenas conta con desnivel.
É doado estacionar á saída do roteiro e a empresa Aviva, que xestiona Óscar en Maus de Salas, ofrece servizo de recollida e desprazamento para deportistas!
Prometo que paga a pena! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *