Gran Ruta Transfronteiriza Gerês-Xurés. Etapa 2. Maus de Salas a Salgueiro

Partindo da aldea de Maus de Salas e bordeando o encoro, chegaremos á súa antiga canteira reconvertida hoxe en día nunha fermosa lagoa. Pouco máis adiante á esqueda, o que resta do Dolmen da Veiga, e á dereita, a Casiña da Moura, trasladada aquí durante a construcción do encoro.
Acompañaremos o río Salas no seu percurso contemplando a estructura da presa e as ruínas do muíño do Brasileiro. Os anchos camiños de terra pronto darán paso a un pintoresco sendeiriño paralelo a unha antiga canle de auga que nos deixará no mirador da espectacular Poza da Fecha para retomar novamente o camiño cara Xermeade.
Aínda hoxe dá para ver a importancia do pobo tempos atrás, mediante a súa arquitectura tradicional e patrimonio. Pouco máis adiante, a aldea de Prado, que aínda que máis pequena que a anterior, tamén conta cun conxunto de hórreos e fermosas construccións.
Unha impresionante ponte antiga, formada por grandes lousas de granito, atravesa o río Salas, deixándonos nunha área recreativa onde repoñer forzas e mentalizarnos para a subida, duns cinco quilómetros, que nos separan de Salgueiro, punto final da etapa. Pese a que esta aldea amasou riquezas coa producción do carbón no pasado, as duras condicións de vida na mesma e o seu illamento e altitude, a falta de electricidade e o fin do uso do carbón como fonte de enerxía, propiciaron o seu abandono na metade do século XX.
Cunha lonxitude de preto de 14 quilómetros, todo o roteiro está perfectamente sinalizado e limpo. Unicamente hai un tramo un pouco máis pechado pola vexetación na última subida cara Salgueiro, á beira do Rego de Salgueiro. Hai fontes nas aldeas polas que pasa, e numerosos lugares con auga nos que refrescarse. O camiño conta con zonas de sol e sombra, ideal para outono e primavera, factible no verán e non recomendable nas épocas máis frías do ano pola súa altitude e climatoloxía.
Encantaravos ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *