Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés. Etapa 3. Salgueiro a Lobios

Con pouco máis de 19kms lineais, este percorrido que parte da aldea abandonada de Salgueiro, comeza cunha subidiña pronunciada inicial que nos permitirá contemplar unha espectacular panorámica das montañas graníticas da zona. Pronto empezaremos o noso descenso, co encoro de Lindoso ao fondo, cara a aldea de Albite, que nos sorprenderá coa súa eira e canastros antigos. E a través de singulares formacións rochosas, chegaremos ao lugar de A Cela, no que impresionantes penedos xigantes forman parte da paisaxe e tamén das súas construccións.
Cruzando o río Mao e cambiando os bolos graníticos por fermosas carballeiras visitaremos Puxedo, aldea na que se respira historia e tradicións e que conta cun patrimonio etnográfico dun valor incalculable. De aquí colleremos cara Guende, cun espectacular cruceiro, Esperanzo, cunha impresionante eira de canastros, e a través da natureza e disfrutando das poldras do Porto chegaremos a vila de Lobios.
A maior parte da ruta é en descenso, nalgúns tramos un pouco máis abrupto, aínda que tamén conta con algunha subidiña suave. Os camiños están en bo estado pero a sinalización é abundante nalgúns tramos e completamente insuficiente noutro pequeno tramo a metade de ruta, polo que se fai imprescindible a súa realización con algún tipo de apoio. O tempo de execución estimado é de seis horas e media e prometo que non defrauda! 😍

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *