Con pouco máis de 24 quilómetros lineais, esta etapa parte da vila de Lobios collendo camiño cara Ribas de Araúxo e A Portaxe antes de atravesar as augas do encoro de Lindoso. Dende ahí ascendemos cara Ganceiros por unha estrada asfaltada. É á saída desta aldea cando comezamos o percorrido por camiño de terra entre altos piñeiros que nos deixarán unha fermosa estampa da aldea de Parada de Ventosa co encoro das Conchas como fondo. Destaca neste pobo a súa igrexa, adicada a San Pedro, e as súas casas antigas.
Descendendo ata a presa do encoro das Conchas cambiamos os piñeiros pola auga. A esta altura o perfil do roteiro comeza a suavizarse para adentrarnos na aldea de Tedós, con construccións antigas en pedra a día de hoxe abandonadas e unha fermosa capela. Dende ahí colleremos dirección Ermille e Fradalvite para chegar a Santa Comba onde a ruta nos ofrece a opción de visitar a igrexa visigótica de San Torcuato, opción que é máis que obrigatoria. Na porta hai un teléfono dunha señora que vos ensinará esta xoia por dentro a cambio dun euro, a mellor inversión que podedes facer. Foi declarada Monumento Nacional no ano 1921. Ata este punto o noso roteiro é compartido co da Vía Nova.
E a partir de aquí comeza a festa! Unha subida abrupta duns dous quilómetros e medio levaravos a través dun fermoso bosque autóctono con regato incluído e, atravesando a aldea de As Forcadas, na que podemos apreciar un conxunto de hórreos antigos, ata o Santuario do Viso, construído a principios do século XIV e un dos poucos exemplos do románico tardío da comarca. Desfrutade das vistas cara ambos lados porque agora toca rodar ladeira abaixo ata preto da chegada a Lobeira!

























