Gran Ruta Transfronteiriza Gerês-Xurés. Etapa 5. De Lobeira a Entrimo

Este percorrido de 21 quilómetros escasos levaranos dende Lobeira ata a A Canle, a través dun fermoso bosque autóctono e dúas pintorescas pontes lousadas. Na aldea de A Canle poderemos ver a súa igrexa, cunha torre que foi en parte destruída por un lóstrego no ano 1928, un pombal ben conservado e un peto de ánimas. Dende aquí, unha subida pronunciada deixaranos no punto máis alto da etapa ubicado por enriba dos 1000 metros.
Por singulares camiños e coa compañía dunha fermosa panorámica da serra do Xurés ao fondo, chegaremos á capela de San Bieito, ao seu cruceiro e peto de ánimas, rodeados de árbores centenarias e unha zona de merendas.
O próximo punto de interese que atoparemos será un mirador que nos engaiolará cunhas vistas incribles cara o encoro das Conchas e o Val do Río Limia. E dende ahí, curiosas formacións rochosas coma o penedo da Pingada e o das Letras, achegarannos ata o Castelo da Pía da Moura e o Castro de Os Castelos, lugares dos que vos falarei máis polo miúdo nos próximos días. Atravesando a ponte do río Pacín acadaremos pronto o punto final deste roteiro, a Terrachá!
Todo o camiño está perfectamente sinalizado e limpo. Non reviste maior dificultade da que a propia quilometraxe e unha subida mantida durante algo máis de catro quilómetros practicamente ao inicio.
Espero que o desfrutedes! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *