A nosa saída na aldea de Entrimo, atopamos a primeira grande xoia desta etapa, a igrexa de Santa María a Real de Entrimo. Seguindo o camiño de Quintián, comezamos a nosa baixada na que atravesaremos a Corga do Mengán por un pintoresco paso para acompañar o son das augas do río Agro, ata chegar a divisalo en todo o seu esplendor nunha fermosa panorámica que inclúe unha ponte antiga dun só arco, un muíño e uns rápidos que o río forma no seu percorrido.
Voltaremos a cruzalo por outra ponte cara a aldea de Ferreirós e continuaremos o noso camiño paralelo a este río, aínda que desta vez da outra beira. E outra fermosa panorámica do mesmo, atravesado por unha espectacular ponte antiga, captará toda a nosa atención ata que… sexamos conscientes de que toca subir!
De aquí en adiante, excepto nos dous derradeiros quilómetros, predominará a pendende ascendente, máis acentuada nalgúns tramos. 
Atravesando carballeiras e piñeiros, chegamos á aldea de Pereira, cun gran número de canastros, un lavadoiro antigo, un forno, a igrexa de San Facundo e uns veciños que se manteñen unidos. Ascenderemos un pouco máis, por camiños difíciles de transitar en épocas de choiva sen mollar os pés, ata chegar ao punto máis alto desta etapa. A partir de aquí a pendente desaparece e o sendeiro transcorre por pistas de terra rodeadas de peculiares formacións rochosas e unha impresionante amplitude de vista!
Cuns 11 quilómetros lineais, comparte boa parte do seu trazado coa Ruta do Pan PR-G 128, o Camiño Miñoto Ribeiro e o Sendeiro Ecuestre. Está limpa e sinalizada, aínda que dende o meu punto de vista precisaría de mellor sinalización e paneis informativos. Non obstante, podemos guiarnos pola sinalización da PR-G 128 onde non o teñamos claro.
Hai servizo de taxi en Entrimo para voltar ao punto de inicio e sitio onde estacionar no Campo da Feira, punto de partida desta etapa.

























