Igrexa de San Xulián de Ventosa. Agolada

Esta igrexa románica, datada do século XII ou principios do XIII, foi levantada nun lugar próximo a súa ubicación actual (Os Chaos) e trasladada pedra a pedra ata onde se atopa agora 💪💪💪. Viuse sometida tamén a importantes reformas xa na época moderna que a alteraron sustancialmente. Pero o que a fai realmente especial é a particularidade que lle outorgou o alcume “da catedral do rural galego”.
E é que no seu interior conta cun impresionante grupo escultórico procedente de dous baldaquinos do século XVI que foron desmontados no ano 1895, cando se ampliou a igrexa, e recolocados dun xeito inconexo nos laterais dos muros desta. Algunha peza do baldaquino orixinal atópase hoxe en día no Museo de Pontevedra (dous anxos músicos) e algunha outra, por desgraza, perdeuse. Ademáis, tamén podemos apreciar unhas interesantes pinturas murais na nave.
E para rematar, ou máis ben para comezar, porque o atoparemos ao carón da porta á man dereita nada máis poñamos un pé dentro, un mausoleo impresionante de finais do século XIV que probablemente sexa do abad D. López de Ventosa (canónigo de Santiago) e único pola súa iconografía e simboloxía (a presenza dos chamados “homes verdes” que nos une culturalmente cos pobos celtas). Os entendidos ven nel unha recreación do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.
Todo este conxunto escultórico e pictórico destaca notoriamente dentro dunha igrexa rural pero é que Ventosa antes era o equivalente ao que é hoxe Lalín. Tiña notario, control de feiras, de estradas e do comercio, que sería o partido xudicial dos nosos tempos.
Para visitar esta xoia, cousa que é máis que obrigatoria, podedes pedir as chaves onde estaba a antiga cafetería do pobo que pechou fai algún tempo.
Espero que disfrutedes tanto coma min de cada pequeno detalle e lembrade, ide con tempo! 🤣

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *