Igrexa de Santo Estevo de Sandiás.

Mencioneivos esta igrexa cando vos falei do Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras. Lembrades a conta de que? É pregunta de exame! Pois ben, hai un nexo común entre esta igrexa, o mosteiro e a colexiata de Xunqueira de Ambía, que non é outro que o mestre canteiro de orixe portugués Bartolomeu de Nosendo, que quixo deixar a súa pegada en estas tres espectaculares construcións.
Esta igrexa foi construída no século XVI e antes xa de 1520. Pese a ser da época renacentista, é considerada unha igrexa tardo-gótica na que destacan claramente no exterior as súas dúas portas, sobre todo a principal, de estilo manuelino e coroada cunha imaxe de San Pedro.
O interior, ao igual que unha longa lista de igrexas, quedoume pendente porque sempre a atopo pechada. Pero seica ten un retablo de Francisco de Moure de comezos do século XVII e unha chamativa bóveda.
Moi preto recoméndovos a visita á Torre do Castro, da que vos falarei en vindeiras publicacións, e as súas inmediacións. As vistas dende aló son espectaculares!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *