Igrexa de Vilar de Donas. Palas de Rei

Esta xoia románica ubicada no percurso do Camiño de Santiago Francés, foi fundada por dúas mulleres da familia Arias de Monterroso e poboada orixinariamente en exclusividade por monxas. Despois pasou a pertencer á Orde de Santiago, que protexía aos peregrinos que se dirixían a Compostela.
E é como recordo da relación con esta orde relixiosa e militar que se conservan no interior do templo as lápidas dos cabaleiros de Santiago que aquí foron soterrados.
Na ábsida central atópanse unhas pinturas góticas de gran valor histórico-artístico nas que, ademáis de esceas e personaxes relacionados coa relixión, podemos ver aos reis da época, Juan II de Castela, a súa muller María de Aragón e o seu fillo, o futuro rei Enrique IV. Estas pinturas foron realizadas para o Ano Santo Compostelán de 1434, data que un dos autores deixou nunha das pinturas.
Tamén hai un baldaquino gótico do século XV onde se atopa a imaxe da Virxe María, único en Galicia.
Foi edificada no século XII e declarada monumento nacional en 1933. Do antigo mosteiro xa pouco resta a día de hoxe.
Aínda que ten un horario de apertura á súa entrada, hai un señor de 95 anos que vive unhas casas máis enriba, que estou segura que estará encantado de amosarvos esta verdadeira obra de arte así como deleitarvos coa súa historia. Nunca esquecerei esta visita ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *