Gran Ruta Transfronteiriza Gerês- Xurés.
Etapa 4. De Lobios a Lobeira.
A Igrexa Visigótica de Santa Comba é un dos monumentos máis emblemáticos de Galicia. Declarado Monumento Nacional en 1921, este templo construído arredor do ano 675, constitúe un dos monumentos máis representativos da época visigoda, e chega ata os nosos días nun excelente estado de conservación, que nos permite admirar a súa arquitectura orixinal.
Son moitos os entendidos que afirman que este é o templo cristián máis antigo de Galicia. A súa planta foi evolucionando ao longo do tempo pasando por tres situacións diferentes que definen a súa historia (déixovos un esquema xunto coas fotos).
O seu interior é dunha gran sinxeleza, definitoria da natureza da súa arquitectura visigoda, e podemos atopar nel numeroso vestixios romanos; unha ara empregada coma altar, un miliario que fai función de base de pía bautismal, un taboleiro e un pé de altar en mármore, de tradición paleocristiá, e un antigo sarcófago de mármore branco no que foron trasladados os restos de San Torcuato dende Guadix. As súas reliquias foron trasladadas despois ao mosteiro de Celanova a principios do século XVII.








