Hoxe achégovos esta nova proposta para o verán. Esta illa, visitable dende o ano 2022, está baixo a xurisdicción da escola naval militar de Marín. Ubicada na ría de Pontevedra, conta con unha superficie de 28 hectáreas e unha altitude máxima de 80 metros.
Durante os dous últimos anos organízanse visitas guiadas en determinadas épocas a través dun sendeiro sen dificultade algunha e cunha persoa que vai explicando a historia da mesma.
O xeito máis rápido de acceder á illa é dende unha das navieiras que operan en Combarro. Unha vez alí podemos visitar o antigo acuartelamento, un búnker onde se gardaba a munición, o Faro Chico e restos dun antigo mosteiro, fundado polo visigodo San Fructuoso no século VII.
Sir Francis Drake, quen ao parecer tiña unha “lixeira obsesión” con Galicia, saqueou e incendiou a illa de Tambo no século XVI destruíndo o mosteiro. Foi no século XVIII cando sobre os restos deste se edificou a actual ermida de San Miguel.
Co auxe das viaxes transatlánticas a bordo de barcos que saían do porto de Marín, Tambo converteuse no lazareto perfecto para aloxar durante a corentena aos chegados de outros mundos ata que a finais do século XIX a mercou o político compostelán Montero Ríos, familia á que pertenceu ata pasar a formar parte da escola militar de Marín.
É preciso reservar a viaxe en barco e recoméndovos facelo con algo de antelación a estas alturas do ano. Tamén é necesario solicitar un permiso para acceder pero paga a pena levar ese traballo.

















