E continuamos traballando as illas e aproveitando o bo tempo! Hoxe tocan as Cíes, que máis que coñecidas e valoradas, contan cunha beleza indescriptible e unhas praias idílicas.
Ao igual que as illas Ons e a de Tambo das que vos falei fai nada, tamén é preciso embarcarse para chegar a estas. Pódese saír dende Vigo, Cangas, Baiona, Sanxenxo ou Portonovo reservando cunha antelación considerable en tempada alta xa que están moi solicitadas, teñen un aforo limitado e hai que solicitar unha autorización previa para a súa visita.
Obviamente recomendo ir o máis cedo posible para coñecer un pouco a zona antes de poñerse a remollo nunha das súas praias. Hai un percurso duns 16 km que inclúe todos os puntos máis pintorescos: a praia de Rodas, catalogada como unha das máis bonitas do mundo, o Faro da Porta e o Faro de Cíes, cunhas magníficas vistas cara a Illa de San Martiño e a Pedra da Campá, unha xanela nun penedo con vistas ao mar.
Tamén pasa pola praia de Figueiras, o Faro do Peito, cunhas vistas magníficas da nosa costa e o Alto do Príncipe.
Os camiños están perfectamente limpos e ben sinalizados e en caso de non querer camiñar tanto hai opción de visitar os puntos que máis nos interesen soamente. Ollo porque son moi descubertos e en días de calor é moi doado queimarse, e isto vale tamén para aqueles que só vaiades na procura da praia!
Hai onde comer e tomar algo. E tamén un camping no que podedes quedar a durmir se queredes prolongar a vosa visita a máis de un día.















