Illas de San Simón e de San Antón. Galicia.

Lugares con historia hai moitos, pero hai que recoñecer que estas illas debían encabezar o listado. Ubicadas na enseada de San Simón, fronte á praia de Cesantes e pertencentes ao concello de Redondela, serviron de fogar para os relixiosos nun primeiro momento, sendo os viquingos os próximos en mostrar interese por elas. A súa seguinte función será a de lazareto, que se inaugurará no ano 1842 e se manterá até o 1927, no que é pechado ao ser erradicada a enfermidade.
Continuará a súa traxectoria coma cárcere e campo de concentración para presos políticos durante a guerra civil española até o 1943. E despois, inesperadamente, mudará o seu rol a lugar de vacacións para a garda de Franco, iso sí, por un período moi breve de tempo debido a un fatídico accidente (1948-1950). Despois disto instalouse aquí un orfanato para fillos de mariñeiros e familias sen recursos no ano 1955, quedando totalmente abandonadas no 1963 durante máis de 30 anos. Como podedes ver, a historia destas illas está marcada sobre todo polo sufrimento e a morte. Se eses edificios puideran falar…
A súa visita é guiada, ten un custo de 19,50 euros por persoa e lévase a cabo en venres, sábados e domingos. Podedes coller o barco en Vigo ou Cangas. Conta cun pequeno museo do máis interesante na planta baixa dunha das súas edificacións. O único “pero” é que toda a visita é un pouco apurada de máis, sen tempo para ver ben o museo e tirar unhas fotos con xeito. Aínda así, aquí vos quedan algunhas. Espero que vos gusten! 🥰

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *