E como o prometido é débeda e onte vos deixaba coa intriga sobre as identidades destes pobos, imos comezar por Lama de Arcos. Esta poboación estivo dividida en dous países durante un tempo, aínda que isto apenas repercutía na convivencia entre os seus habitantes no día a día, aínda que en determinados momentos, esta localidade se vira afectada polas disputas fronteirizas. Exemplo disto foi cando en 1641, en plena Guerra da Restauración, as tropas aliadas á monarquía portuguesa incendiaron a parte española.
Esta é a maior das tres aldeas promiscuas e contaba con dúas igrexas, unha a cada lado da fronteira, sendo a portuguesa a que hoxe en día se mantén como igrexa matriz. Pese a ser a típica poboación rural transmontana, paga a pena adentrarse nas súas rúas adoquinadas e levantar a vista contemplando a arquitectura tradicional do lugar e a vida que aínda conserva. Tamén intentar visualizar a división fronteiriza de anos atrás
. Adxúntovos un planiño con data de 1863 para que vos sexa máis doado. Por aquel entón, polo visto, había 28 veciños españois e 57 veciños portugueses.
















