Pintoresca aldea de montaña, integrada no Parque Nacional Peneda-Gerês, Lindoso é a mestura perfecta de patrimonio, arquitectura, cultura e paisaxe. Chama a atención especialmente o conxunto formado polo seu castelo medieval, cruceiro, aira comunitaria e a grande cantidade de hórreos.
O castelo de Lindoso é un dos monumentos militares portugueses máis importantes, tanto pola súa ubicación e arquitectura militar, coma polo seu importante papel na defensa da fronteira en diferentes ocasións. Cesou a súa actividade militar en 1895 e foi clasificado como monumento nacional en 1910. A súa visita é máis que obrigatoria!
Dende o propio castelo podemos apreciar perfectamente a aira comunitaria e os 67 hórreos edificados en granito, a maioría deles dos séculos XVIII e XIX, sendo o maior conxunto de hórreos e un dos mellor preservados do Parque Nacional. Tanto este núcleo como a aira están clasificados como Inmoble de Interese Público.
E aínda que tal vez esta sexa a parte máis coñecida de Lindoso, o seu encanto non remata ahí. Con pintorescas e laberínticas rúas, unha boa preservación da súa arquitectura típica, reflexada nas súas vivendas e a súa inmellorable gastronomía, é quen de namorar a calquera visitante. Pero por se todo isto non fora suficiente, collendo calquera das etapas da GR-50 que parten de aquí, cun ascenso que paga moito a pena, obteredes unha panorámica inesquecible da aldea e os seus arredores!
Conta cunha das Portas do Parque Nacional onde obter información e tamén con casas para turismo onde poder pernoctar.









