Lugar de Real. O camiño da Geira e dos Arrieiros.

Etapa 2. De Caldelas a Terras de Bouro.
É nesta pequena aldea onde, para proseguir o noso camiño, temos que atravesar un dos arcos dunha impresionante casa antiga, a día de hoxe en estado avanzado de abandono. Como persoa curiosa que son, e en vista de que as miñas pesquisas non levaron a bo porto, fostes varios de vós os que me puxestes ao día da parte da historia que coñecíades desta construcción que non pasa desapercibida.
Pertencente a un caldelense emigrado no Brasil dende o ano 1870 ata o 1896, é un claro exemplo daqueles moitos que nese momento conseguiron facer fortuna no estranxeiro para logo invertila no seu país de orixe. A súa chegada adicouse a ampliar e dotar a casa da familia, a Casa de Real, de todas as comodidades posibles.
Construíu unha nova adega para a producción a larga escala de viño verde. Encargou  depósitos especiais para o seu almacenamento. Fíxose con pezas de prensado da uva totalmente mecanizadas e dotou a este espazo de sistemas de carrís para facilitar a movilización da materia prima.
Contrariamente ao que moitos din, a Casa de Real nunca foi unha fábrica, senón unha casa agrícola. Coa morte do seu propietario, a casa foi cambiando de mans e pese a que houbo diferentes ideas con respecto a darlle un novo uso, nunca se fixo nada ao respecto. Unha grande mágoa!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *