Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés. Fin da etapa 1 e punto de inicio da etapa 2.
Maus de Salas é unha pequena aldea na que viven de xeito permanente ao redor de dez veciños. Xusto á entrada da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés e pertencente ao concello de Muíños, a orixe do seu nome deu lugar a diferentes especulacións, aínda que se considera probable que derive do latín “manus”, ou “mans mortas”, en referencia a aqueles bens da Igrexa que estaban baixo a protección da monarquía no Antigo Réxime.
Entre os seus puntos de interese, conta coa Igrexa de Santa Baia, de arquitectura típica do rural galego, que alberga no seu singular retablo unha curiosa escultura do Bo Pastor na búsqueda da ovella perdida. Tamén no centro da aldea podemos ver o que resta dunha antiga capela, que parece estar en mans privadas na actualidade, e que conta con unha incripción no seu lateral que permite ver unha data, 1220. Outro elemento a destacar é un cruceiro ubicado nunha gran lousa de pedra no medio da vila así coma outro de maior envergadura e con pousadoiro no fin da aldea. Pero paga a pena visitar cada recunchiño deste pobo, as súas casiñas de pedra, as súas fontes e lavadoiros antigos e os seus hórreos, imaxinándonos a vida que noutra hora tiña.
Aínda que vida tampouco é o que lle falta agora mesmo, aínda que moi diferente da anterior, xa que alberga no seu corazón un importante centro de actividades deportivas, ideal para amantes da natureza e da montaña. E tamén conta con aloxamentos turísticos para aqueles que desexen descansar do barullo da cidade, respirar aire fresco e coñecer mellor o Xurés ou ata achegarse a terras portuguesas. Visita obrigatoria son as inmediacións do encoro cos picos de Fontefría e as Gralleiras ao fondo.
Toda esta zona é coñecida tamén como o Val da Morte debido á cantidade de monumentos funerarios megalíticos atopados nas súas inmediacións. De feito, hai un roteiro propio para descubrilos, aínda que algúns deles se visiten xa nesta Gran Ruta, é a chamada Ruta Megalítica.















