E se onte vos deixaba na fronteira, hoxe imos ir un pasiño máis aló e achegarnos a Melgaço que conta con múltiples e variados atractivos.
Ademáis da visita o seu castelo, do que soamente resta a Torre da Homenaxe, e as súas murallas, datados do século XIII, é obrigado perderse polo seu casco histórico. Neste veremos a Igrexa Matriz e a Igrexa da Misericordia. Tamén o Solar do Alvarinho, un centro de interpretación do viño alvariño que se atopa no antigo concello, un edificio de gran beleza do século XVII. E, como non, o museo do Cine. Seguindo a muralla, á saída dunha das súas portas, a magnífica estatua de Inês Negra, quen saíu victoriosa no ano 1388 dun combate con outra portuguesa defendendo Inês a independencia do país.
Outro imprescindible é o verde bosque do seu parque termal e a proba das augas mineromedicinais que foron descubertas xa no ano 1884.
E se queredes camiñar un pouco, recomendo encarecidamente os “Percursos Marginais do Rio Minho”, un sendeiro de algo menos de 6km no que unhas pasarelas de madeira en perfecto estado nos acompañaran ás beiras do río e as súas pesqueiras.
A escasos minutos en coche podemos descubrir a igrexa e mosteiro de Paderne e tamén o mosteiro de Fiães.
Como vedes, hai opcións para todos os públicos. Non esquezades deixar tempo para un delicioso café portugués e un bolo! 





















