Descubertas no ano 1900 e en funcionamento ata o 1986, estas minas adicábanse ao chamado ouro negro, o wolframio, sendo as únicas minas do país que contaban con explotacións a ceo aberto e tamén subterráneas.
Aquí existiu fame e fartura, paz e inestabilidade, un número insano de persoas por metro cadrado (chegaron a ser miles os traballadores desta explotación), condicións e servizos dignos de unha cidade (foi dos primeiros lugares en contar con luz eléctrica), e todo isto por mor de unhas “pedras negras”. Son dúas as rutas que parten da recepción do complexo: o trilho do Mineiro e o trilho do Farrista.
O primeiro deles, duns 3km circulares, levaravos polos camiños que os traballadores percorrían cada día e os lugares onde vivían, tamén pola Fundición e a Lavaria Velha (onde se procedía ao esmagamento e a selección do mineral).
E o segundo, duns 4km circulares, desenvólvese polos carreiros tradicionais empregados tamén polos “farristas”, os cales desviaban mineral para ser vendido a contrabandistas que a súa vez o revendían fóra da rexión. Tamén pasa pola Lavaria Nova e o Stockwerk, así coma os Barrios Novo e da Pedriña.
Pódense levar a cabo ámbolos dous roteiros xa que non teñen grande dificultade e a distancia a percorrer non é demasiada. O acceso é totalmente gratuíto.

