Miradoiro da Alvariza. O camiño do Monxe. Etapa 3. De Parada de Sil ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Ribeira Sacra. Galicia.

Xa fai un tempiño que descubrín esta xoia da que vos falei onte precisamente. Á dereita do Miradoiro de Pé do Home, a escasos metros, podemos contemplar esta singular estrutura etnográfica e as vistas que nos ofrece cara o canón do Sil.
Encargada de protexer as colmeas contra os osos e outros animais, e coñecida para os nosos irmáns portugueses coma “silha do urso”, estas construcións adoitan situarse lonxe das vivendas, en terreos con pendente e cunha orientación ao nacente ou ao mediodía. É moi importante para as colmeas o aproveitamento da luz solar e a protección contra fortes ventos.
Os seus muros, de entre dous e tres metros de altura, soen estar construídos cunha cachotería en seco de lousas de xisto e un capiado superior feito con lousas de maior tamaño para evitar a entrada de animais. Tamén contan con algo para gardar o material de mantemento e unha pequena porta de acceso, normalmente de madeira. A superficie interna adoita estruturarse en longas e estreitas terrazas escalonadas onde se instalan as colmeas.
En Galicia, podedes atopalas tamén en outras zonas coma O Courel, Os Ancares, as montañas ourensás… e aínda que as que teño visto son de pranta circular ou ovalada, seica hai constancia de algunhas rectangulares. Tamén abundan noutros lugares coma o norte de Portugal e Asturias.
Xa sabedes, este pequeno desvío é máis que obrigatorio! Aquí vos quedan unhas fotiños a maiores destes tres miradoiros que están practicamente xuntiños! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *