Como vos dicía en días anteriores, a estas dúas etapas vistas non lle faltan! E curiosidades tampouco! Dise que os famosos Balcóns de Madrid eran punto de despedida para os barquilleiros que cruzaban o río para coller o tren na outra beira dirección a Madrid, e de ahí o seu nome. O miradoiro do Castro fai referencia a un antigo asentamento fortificado. O do Picotiño ou o da Columna, ubicado a 784 metros de altitude, foi o primeiro en ser acondicionado na zona e permite ver o derradeiro meandro do río no concello de Parada de Sil. Tamén as poboacións próximas na mesma beira e até Monforte de Lemos do outro lado se o día está despexado.
O de Vilouxe, pouco masificado e cunha beleza natural sen igual, permite apreciar perfectamente o carácter escalonado da Ribeira Sacra, coas súas zonas altas de monte e aldeas, ladeiras intermedias convertidas en bancais e nas profundidades un encaixado río Sil. Será o de Pé do Home, fronte ás terras lucenses de Pantón e Sober´, o que nos amose a primeira parte do canón. E o do Banco, que xa vos dixen que era opcional (pero obrigatorio), as calmas augas do encoro de Santo Estevo, rodeadas por impresionantes bloques graníticos que conforman as paredes do val.
Ahí vos quedan unhas fotiños extra á espera de que vos gusten!

