A semana pasada falábavos da Senda de Boborás e da do Arenteiro. Pois ben, dentro deste roteiro pasaremos pola localidade de Moldes que, sen lugar a dúbidas, merece unha entrada propia. Cun territorio habitado xa dende o século IX a.C., adquirirá grande importancia eclesiástica séculos despois, ao relacionarse con mosteiros coma o de Melón, Sobrado, Oseira ou Aciveiro. Eran varias as granxas monásticas que se adicaban por aquel entón ao cultivo da vide, principal promotora económica do lugar.
No seu núcleo podemos ver a igrexa románica de San Mamede, situada sobre o antigo castro, e a igrexa barroca de San Benito, o pazo de Antón Losada do século XVI e o dos Tizón do século XVII. Tamén a casa do ilustre historiador e arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, os antigos pendellos da feira, a escola do pobo e unha centenaria carballeira.
Como vedes, atractivos non lle faltan. E a senda do Arenteiro é realmente fermosa, lineal e de 11 quilómetros de lonxitude só a ida. Lembrade que tamén tedes dispoñible no wikiloc a opción circular que abarca parte desta e parte da senda de Boborás. Animádevos!

