Na época medieval foi Monforte un singular exemplo de cidade fortaleza feudal. Aínda se conservan a día de hoxe algúns tramos da muralla, tres torres e dúas portas de acceso, a da Alcazaba e a Porta Nova, así como elementos do Cárcere Vello.
Capital da comarca da Terra de Lemos, a súa historia estivo sempre vinculada ao Mosteiro de San Vicente do Pino, cunha fachada e claustro interior neoclásico de cantería.
Ao seu carón, podemos apreciar a Torre da Homenaxe, a maior das que se conservan en Galiza, con 30 metros de altura e visitable. Tanto a Torre coma a muralla sufriron graves danos nas Revoltas Irmandiñas. Podedes preguntarlle as vosas dúbidas ao rapaz que traballa na Torre. Deixaravos embelesados coas súas explicacións, comigo polo menos conseguiuno.
O Palacio Condal foi a residencia dos Condes de Lemos pero actualmente alberga dependencias do Parador de Turismo.
Baixando polo barrio da xudería achegarémonos á Igrexa da Régoa ou Convento de San Xacinto. E se seguimos baixando iremos dar ao río Cabe, que atravesa Monforte e conta cunha fermosa ponte romana que nos leva ao Convento das Clarisas. Este convento alberga un dos museos de Arte Sacro máis importante de España no seu interior, así como auténticas mestras do bordado, da repostería e da licorería.
Seguindo o río chegaremos ao Colexio da Nosa Señora da Antiga, máis coñecido como o Escorial de Galiza. E aquí, a descripción faise imposible. Hai que velo, si ou si.
Monforte de Lemos é terra digna dunha visita longa, sen presas, na que poder percorrer cada rúa da súa xudería, descubrir casas antigas con galerías espectaculares pese ao estado ruínoso dalgunha delas actualmente, pasearse a carón do río e deixarse namorar pola súa beleza.





















