Obra do escultor Buciños, este monumento ubicado na praza ao redor da cal se organiza a vida en Esgos, honra un peculiar oficio ambulante hoxe en día desaparecido. Percorrendo aldeas e cidades a pé, coa súa roda de afiar, avisando da súa presenza cun son tan característico coma o da propia figura do afiador, o son do chifre, afiaban todo tipo de utensilios coa súa roda, tamén coñecida coma “tarazana”.
Pero non pensedes que era un traballo doado, xa que a delicadeza era fundamental na velocidade da roda e na presión da peza para evitar que se quentara ou desgastara en exceso. Boa parte dos afiadores galegos procedían da zona da Ribeira Sacra, chegando a coñecerse coma “a terra da chispa”, e o gremio alcanzou tal importancia que até contaba cunha lingua propia: o “barallete”. Cun vocabulario de máis de 1000 palabras, permitiu a afiadores, barquilleiros, capadores, cerralleiros, segadores e cordeleiros conversar entre eles sen seren entendidos por xente allea a estas actividades. Como vedes, ten a súa historia!

